EPOS

Asociación de Profesores de Griego de Galicia

Circular en la página de la CIUGA de Griego II

GREGO II

Bacharelato (LOXSE)

Curso 2008-2009

Probas de Acceso á Universidade
Programación do curso

Co presente documento imos actualizar a páxina web de Grego II na ciug resumindo nela tódolos documentos anteriores referentes á programación do curso e mais ás paau; para este curso 2008-2009 ativémonos a repeti-la práctica dos cursos anteriores, atenta
ás instrucións do Decreto 231/2002 (DOG 15 de xullo 2002, da LOXSE) aínda vixente. Pero a repetición desa práctica, xa ben sabida por
veterana, cérrase cunha nota final: proposta de nova programación 2009-2010 en adiante, que aproveita o novo Decreto de regulación da nosa materia (pola LOE) e que esperamos que sexa de interese para todos.

PROBAS DE ACCESO: CONTIDOS

Parece que as experiencias de crecemento notable dos alumnos que escolleron grego i e ii no bacharelato e os resultados estatisticamente satisfactorios das paau aconsellan manter sen cambios a programación vixente das devanditas probas.

Por conseguinte, mantéñense as dúas opcións:

Opción A- XENOFONTE

Opción B – PLATÓN

e en ningún caso haberá probas con textos doutros autores.

Como sempre, será posible para profesor e alumnos traballaren nunha soa opción ó longo de todo o curso, pois a proba terá sempre as dúas opcións. Na liña que seguimos desde hai anos, atenderemos sempre a buscar textos fáciles e claros na súa sintaxe e con sentido completo na
súa brevidade, de xeito que o alumnado non teña que facer sobreentendidos nin se sinta desorientado. Tamén seguiremos na tradición de que as preguntas se ateñan sempre ó texto.

Nin en Xenofonte nin en Platón hai selección ou preferencia previa de obras, pero parece lóxico que Helénicas, Anábase e Ciropedia sexan as máis frecuentadas para Xenofonte, mentres para Platón a tradición de acudir ós primeiros diálogos (Apoloxía de Sócrates, Critón, Fedón …) podería ser compatible con tocar outros, por exemplo, os textos en que se expoñen os mitos.

O texto a traducir nas paau terá unha extensión máxima de tres liñas e para a cualificación desta tradución resérvanse sete (7) dos dez (10) puntos.

Os tres (3) puntos restantes do total da cualificación repartiranse entre:

1)Un máximo de dous (2) puntos dos dez (10) puntos da cualificación total para a resposta a dúas preguntas que o alumno elixirá entre catro ás que dará pé o texto da tradución e, seguindo na experiencia das probas dos últimos anos, serán preguntas sobre puntos de análise morfolóxica ou de análise sintáctica de elementos presentes nese texto; tamén pode haber preguntas sobre palabras do texto que, elas mesmas ou con formas derivadas ou compostas, perviven ­son os chamados helenismos- nas linguas castelá e galega, especialmente nos niveis cultos, nas terminoloxías científicas e técnicas; por último, unha destas catro preguntas pode ser sobre o autor e o texto que se traduce: xénero, época, contido, etc.

2) Un máximo de un (1) punto dos dez (10) da cualificación total para a resposta a unha pregunta que o alumno elixirá entre dúas relativas ás obras literarias que tivo que ler. Mais abaixo repetimos a lista destas obras de lectura obrigada.

Seguen vixentes os criterios de que na corrección das traducións terán a mesma consideración os erros tanto de sintaxe e de morfoloxía como de vocabulario en canto anulen ou danen o contido correcto. Na tradución e na resposta ás preguntas valoraranse corrección e soltura sintáctica e léxica, ademais da corrección ortográfica, que mellor fose non ter nin que aludir.

Segue vixente que non é válido responder unha opción mesturándolle respostas a preguntas da outra opción. Os exames en branco terán cero (0) puntos.

NOTA SOBRE A PROGRAMACIÓN DOS CURSOS

Ó xa dito sobre as opcións de autores que se van traducir, A Xenofonte e B Platón, engadimos que no apartado de obras literarias, que, previa unha presentación polo profesor, o alumno debe ler e que nas paau serán contido da pregunta nº 4, de resposta obrigatoria e non optativa, a lista é: a) Homero, Ilíada, cantos I, VI, XVI, XXII, que condensan ben o argumento, ambiente e espírito da obra; b) os fragmentos dos poetas líricos Safo, Alceo e Arquíloco; c) Sófocles, Edipo Rei; d) Aristófanes, Nubes.

Cada un dos profesores sabe ben o que cómpre ou é posible facer nas condicións en que traballa, os criterios con que pode facer selección e xerarquía dos contidos que presenta ós seus alumnos, os obxectivos que considera mellores ou alcanzables segundo sexan os niveis e as actitudes dos alumnos etc. etc., e seríanos difícil, mesmo impertinente, deitar consellos desde a experiencia que non temos: aínda así, o coordinador atrévese a insistir en que grego i e ii emparellen como obxectivos principais o de coñecer a lingua co de ter unha boa perspectiva da Cultura, na que os alumnos deben ver unha das súas raíces. Non están os tempos -nin o nivel de ensino en que andamos- para facermos do coñecemento da lingua a chave sine qua non do coñecemento da Cultura, pero tampouco non é cousa de esquecer que hai… ou pode haber… alumnos que, con vocación de facer Filoloxía Clásica, tamén outras Filoloxías e Lingüísticas varias, Historia, Arte…, poidan ter interese en iniciarse seriamente na lingua grega antiga e nos seus textos. Habería que dar co equilibrio entre non programar nin exixir o imposible e non facer de grego i e ii unha anécdota marxinal.Outro punto de interese é que o dicionario, con mala fama en certos ambientes e métodos, parece absolutamente necesario para que o alumnado adquira desde o primeiro momento o vocabulario básico; pero tamén se observa na corrección das traducións que o dicionario pode ser un buraco negro no que o alumno se perde, unhas veces porque vai dar no máis raro e marxinal, outras veces porque, sen ter criterio gramatical, vai dar no primeiro que se pareza ó que o texto ten.

Sería bo que nas análises morfolóxica e sintáctica se fale en termos tradicionais e claros e ¡por favor! que o alumnado non se limite no folio da proba a unha silveira de raias e abreviaturas que non é fácil de entender nin cualificar. Ademais, o ton declarativo ou aseverativo dos textos que se traducen aconsella insistir na análise sintáctica nos termos lóxicos mais tradicionais, por exemplo, suxeito, verbo e predicado, complemento directo / indirecto /circunstancial, oración independente / principal / subordinada etc.

Sería bo na nosa materia e no seu impacto social que os “clásicos” enriquecesen o léxico castelán / galego actual dos alumnos e lles desen unha boa base nos helenismos e no que estes significan en todas as terminoloxías das distintas ciencias e técnicas. Non sería mal balance para os filólogos clásicos que os nosos alumnos tamén saísen filó-logos, ‘amigos da palabra’.

No referente á presentación da experiencia histórica e cultural na que temos unha parte das nosas raíces e, xa que logo, algo ou moito que aprender, haberá que insistir tanto nos puntos en que esa experiencia acadou niveis aceptables, mesmo vixentes, coma nos que estivo moi lonxe de ser progreso e modelo: son cuestións de interese, democracia,imperialismo, belicismo e pacifismo, desprezo dos bárbaros, situacións marxinais de mulleres, estranxeiros e escravos, posición do filósofo e do intelectual ante os problemas políticos, movementos de ilustración e crítica racionalista, crise da polis e apertura ó Helenismo etc. Obviamente, algunha destas cuestións pode ter presenza nas paau nalgunha das preguntas que deriven do texto que se vai traducir ou do apartado de obras de lectura obrigatoria.

Todas estas instrucións de programación do curso e de contidos e cualificación das probas finais están abertas ás suxestións e críticas que os profesores teñan a amabilidade de facer chegar ó coordinador.

NOTA FINAL: proposta de nova programación 2009-2010 en adiante

Por último quixera facer unhas consideracións sobre novidades esenciais, penso que positivas, no marco legal: o Decreto 231/2002 (DOG 15 de xullo 2002, da LOXSE) na práctica impuña non saírmos do ámbito da prosa ática e da koiné, aínda que non descartase “textos poéticos sinxelos”. A cuestión é que, tendo sempre por riba a obriga dos textos legais, o ambiente no que ata agora facemos as paau e no que se valoran a necesidade de que haxa tales probas e os seus contidos e resultados por parte dos alumnos, pais, profesores e opinión pública non permite outra programación que a do modelo en que andamos, é dicir, un programa mínimo e común a todos, un curso no que estea predefinida canto sexa posible, en fondo e forma, a proba final (autor, tipo de texto, tipo de preguntas gramaticais ou histórico-literarias…, criterios de avaliación e puntuación). É evidente que con Xenofonte e Platón “básicos” hai traballo abondo, sobra que o mencionado Decreto pense noutros autores e xéneros áticos e da koiné, e nós xa tivemos que deixar fóra a Demóstenes e Tucídides.

Pero agora o panorama parece moito mellor, a teor do texto do Decreto 126/2008 de 19 de xuño (DOG 23 de xuño, da LOE), polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, pois para grego i e ii disponse que os textos, que son o obxecto principal da materia, seleccionaranse entre autores de diferentes épocas e xéneros literarios, presentándoos tanto na súa forma orixinal, coas adaptacións necesarias
para facilitar a súa comprensión, como en traducións. O profesorado poderá servirse tamén de textos elaborados graduados que faciliten o acceso progresivo aos textos orixinais
. Destaquei en negras o que me parece excelente novidade.

Excelente novidade, digo, porque xa teño falado noutras ocasións de que sería máis aproveitable e gratificante para todos, profesores e alumnos, unha programación cun monllo de textos nos que, sen que a forma puxese en dificultades ó alumnado que se inicia na lingua grega antiga, os contidos sería sen dúbida moito máis interesantes e atractivos para presentar e acreditar a Cultura Clásica das nosas raíces. Penso, poño por caso, que mentres andamos agora a saber se Ciro pasou revista da tropa ou se baixou do cabalo etc., deixamos pasar a ocasión de saber un par de cousas moito máis interesantes en Arquíloco, Solón, Hiponacte, Safo, Alceo… e mesmo en Píndaro e outros líricos corais ou nos poetas do drama ático e do Helenismo. A énfase nos líricos non exclúe que poidamos botar man de Homero e tamén dalgunhas pezas antolóxicas da prosa clásica.

Obviamente, unha antoloxía con equis centos de versos, de textos sinxelos, e tamén arranxados para lles ripar as dificultades de dialecto, gramática etc. O problema máis serio que
considerar non está na axeitada forma que lles habería que dar ós textos “dialectais”, senón no vocabulario que os alumnos non van atopar nos seus dicionarios escolares.

Pero penso que poderiamos profesar nunha antoloxía de beleza poética e interese humano e humanista, e penso en que esta opción que agora a lei permite podería ir adiante facilmente, sen entrar en conflitos nin levantar reclamacións no ambiente que coñezo ou supoño nas paau e no seu eco social porque desde o primeiro momento habería unha delimitación certa, moi concreta, dos textos que se van traballar e mais do contido e cualificación das probas.Se a proposta de limitármonos a textos poéticos parece excesiva, poderiamos axuntarlle unha opción tradicional, é dicir, de prosistas áticos ou de koiné.

Velaí a miña proposta de nova programación (2009-2010 en adiante, vixente xa a LOE) para Grego i e ii cara ás paau; una novidade que podería ter éxito e que esixe un traballo previo (antoloxía e edición de textos) no que moi a gusto ¡madía leva! tería eu parte activa, mesmo protagonista.

Entendan os profesores todos de Grego i e ii que estas notas son invitación a saber a súa opinión e a contar coa súa experiencia e colaboración, que agradezo xa moi fondamente, para decidirmos entre todos/as se hai ou non hai programación nova.

Espero opinións no meu novo e-mail juanjose.moralejo@usc.es, no 981 59 44 88, ext. 11884, e no despacho 420, Facultade de Filoloxía, Avda. Castelao, 15782 Santiago.

 

 

Archivado en: Uncategorized

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s